O partido galeguista considera que as repetidas secas dos últimos anos “obrigan ao Concello a tomar decisións que garantan o abastecemento de auga no futuro para a cidade de Vigo e comarca”.
Desde CxG Vigo preguntan ao Goberno local de Abel Caballero “que clase de educación de consumo responsable ou peticións de aforro se lle pode pedir aos usuarios vigueses cando abrir de máis a billa da auga non ten repercusión sobre a factura da auga”.
Por iso, Compromiso por Galicia asegura non compartir “as escusas do alcalde” nas que indica que esta tarificación prexudicaría ás familias residentes en primeira vivenda, en favor dos propietarios de casas baleiras que non fan uso diario. “Debemos incluír unha tarifa onde quen máis consuma, máis debe pagar”, defende a formación.
O seu secretario local, Daniel Lago, lembrou tamén que o informe realizado pola Universidade de Vigo daba a opción de subir a tarifa fixa da auga para compensar a baixada de recadación coa tarificación por consumo real, entendendo que a auga potable está a converterse nun ben escaso que se debe coidar.
Beneficio mutuo entre o Concello e Aqualia
Segundo CxG, “existe un beneficio mutuo entre Concello e Aqualia que prexudica ás xentes de Vigo no mantemento do sistema actual de tarifas e a aportación da concesionaria de importantes partidas económicas ao consistorio”.
Lago lamenta que no problema da auga haxa outros condicionantes que impidan a toma desta importante decisión, como é a “clara situación de beneficio mutuo na relación Concello-Aqualia, ampliando a concesión até o 2020, garantindo os ingresos actuais da empresa concesionaria ao non modificar o tarifario e coa aportación da concesionaria de importantes partidas económicas na política de humanización do concello vigués”.
A proposta de CxG pasa tamén por unha melloría necesaria no mantemento, por exemplo, das piscinas de Samil ou das fontes ornamentais de auga en circuíto aberto e por suposto non celebrar festas da auga malgastando un ben tan escaso.
Na mesma, Daniel Lago reclama que as medidas de aforro non sexan tomadas cando a situación xa comeza a ser dramática nos niveis dos encoros de Eiras e Zamáns e lembra que durante este seco verán o Concello non tomou ningunha medida preventiva.