Trátase dunha actuación nun edificio catalogado no planeamento municipal e, por tanto, do patrimonio cultural de Galicia. Figura recollido no Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2008 -hoxe anulado- cun grado de catalogación estrutural.
A resolución, asinada o 26 de xullo, recolle que o proxecto para o que o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra.
A proposta do Concello contempla ademais de actuacións para a conservación das ruínas existentes, unha intervención mínima para proporcionar accesibilidade e posta en valor á casa indiana e a súa integración no espazo público existente.
Entre as medidas as que o Concello de Vigo fai referencia no proxecto básico consta a retirada de elementos que se atopan en mal estado ou presentan corrosión, a limpeza da vexetación e muros, a recolocación das pezas desprazadas e recuperadas no terreo en muros e pórticos e a reconstrución e impermeabilización dos forxados.
Ademais, figura a recuperación, limpeza e recolocación dos pavimentos existentes na zona porticada principal e dos percorridos accesibles do interior e a incorporación de elementos estruturais para mellorar a accesibilidade. Por último, contémplanse a instalación de luminarias cun efecto disuasorio antivandálico e de posta en valor da edificación.
Desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considérase que todas estas actuacións son compatibles coas autorizables en elementos catalogados cun grado de protección estrutural, permitindo unha lectura clara e diferenciada das intervencións actuais respecto dos elementos orixinais da edificación.