O rexedor destacou que o departamento autonómico pediu “todo tipo de documentación” para valorar a reforma do palco da Alameda de Bouzas e para facer peonil a Porta do Sol sen tomar decisións, pero esgrimiu que no caso da Gran Vía non se requiriu ningunha información e simplemente se optou pola paralización.
«Os informes de Porta do Sol e da Alameda de Bouzas, que aínda chegaron hoxe, piden que o proxecto de intervención ten que recoller documentación, deseño, especificacións técnicas. Para esta obra do palco, de 10 metros cadrados, requiren toda esta información e aínda así non toman ningunha decisión», sinalou o rexedor.
Caballero explicou que tamén en Porta do Sol, no referente ao proxecto de humanización, o informe sinala que o Concello de Vigo debe presentar información adicional. «Para Gran Vía non piden ningunha información nin detalle, só paralizan, é un escándalo político, pero nin así o van a parar», engadiu.
O alcalde insistiu en que a obra se vai a facer nos tres tramos centrais do bulevar e para elo procederase de xeito inmediato a sacar esa fase a concurso. «Imos poñer o dobre de árbores, máis vexetación, vai ser utilizada polos cidadán e vai ser unha mostra da unión da tradición coa modernidade», explicou.
Caballero insistiu na súa versión de que a parte técnica do informe de Patrimonio da Xunta que ordena paralizar o proxecto de Gran Vía «non menciona incompatibilidade ningunha co contorno». Na súa opinión, rematada a exposición técnica, a conclusión do informe trátase «dunha imposición política do PP contra esta cidade».