Nunha carta enviada este sábado a o alcalde da cidade, Abel Caballero, a Xunta lémbralle o éxito do Plan de transporte na área de Vigo, que nos seus tres anos de funcionamento, permitiron bonificar máis de 8,5 millóns de billetes de autobús e barco, e na que dispoñen da tarxeta máis de 52.000 veciños da área, e preto de 11.000 mozos son titulares da tarxeta Xente Nova, coa que realizan viaxes interurbanas de balde.
Explícalle ao alcalde, que ten constatado que no conxunto dos concellos integrados na área de transporte metropolitano, e tamén no termo municipal de Vigo, hai unha demanda cidadá moi relevante en relación con esta iniciativa social que permite acadar descontos de ata 600 ao ano nos desprazamentos cotiáns.
Non obstante, engade, dado que o transporte urbano de Vigo non estaba integrado no Plan, os cidadáns vense privados dos transbordos gratuítos co autobús urbano que si poden ter o resto de cidades que forman parte do programa. Desta forma, os vigueses perden a oportunidade de aforrar 400 euros adicionais ao ano no emprego do transporte público.
Por ese motivo, tanto a Xunta como os 12 concellos que integran a Área de Transporte, non deixan de apostar pola incorporación do Concello de Vigo a este Plan, sinalando que sería unha excelente noticia que o concello retome os compromisos asinados no 2016 para facelo nas mesmas condicións que o resto de Concellos, e que o Goberno local anulou posteriormente no 2017.
A Xunta remata a misiva ao alcalde decídolle que agarda a pronta resposta positiva do concello á incorporación de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia nesta área. Un plan social e intermodal impulsado polo Goberno galego, co único interese de que os vigueses poidan desfrutar canto antes dos beneficios e vantaxes deste Plan de transporte, do que se están a beneficiar xa os veciños dos 65 concellos agrupados nas áreas de A Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol, así como os dos 12 concellos da comarca de Vigo.