O cadro de persoal de Althenia decidira suspender a folga prevista para o pasado xoves polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo á espera dos resultados da mediación. As partes reuníronse o mesmo xoves na Inspección de Traballo en Vigo e finalmente achegaron posturas tras unha longa negociación.
O preacordo contempla un convenio colectivo a catro anos (2016, 2017, 2018 e 2019) e o compromiso da empresa de abonar todos os atrasos salariais dos traballadores/as que foron subrogados/as da concesionaria do mantemento dos parques forestais, a principal reivindicación do persoal e que motivou a convocatoria da folga xa que a dirección pretendía que a cambio de abonar estes conceptos os traballadores pasasen á quenda de tarde durante dous meses.
Ademais, Althenia aceptou un aumento de soldos para todas as categorías laborais consistente en 23 euros lineais en cada un dos anos 2018 e 2019; establecer libre o 5 de xaneiro; incorporar licenzas por hospitalización e repouso domiciliario; ampliar o período de lactancia de 9 a 12 meses (que se poderá acumular durante catro semanas seguidas); introducir melloras nos uniformes; e facilitar que os días de libre disposición se pidan coller nas pontes.
Preacordo na recollida de lixo en Nigrán
Doutra banda, a representación sindical de Cespa, concesionaria da recollida do lixo e de limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán, chegou este venres a un preacordo coa dirección para renovar un convenio colectivo a tres anos que contempla unha suba salarial do 14%, o que permitirá desconvocar a folga indefinida anunciada no servizo no caso de que os traballadores/as ratifiquen o texto na asemblea que se celebrará na noite deste venres.