O Sergas informou de que nunha comparecencia ante os medios de comunicación, o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, que estivo acompañado polo xefe da área de Saúde Mental, José Manuel Olivares, afirmou que “hoxe é un día histórico para a sanidade viguesa no que o Álvaro Cunqueiro recibe ao seu primeiro paciente hospitalizado e inicia a súa andaina de xeito ininterrompido. O traslado realizouse na máis absoluta normalidade, sen ningunha incidencia , axustándose a planificación inicial en tempo e forma.”
Pola súa banda, Olivares amosou a súa satisfacción polo feito de ser os pacientes psiquiátricos os primeiros en estrear a hospitalización “xa que vemos cumprida unha vella reivindicación dos profesionais da saúde mental, que os pacientes con patoloxías psiquiátricas sexan ingresados nos hospitais xerais”. Subliñou tamén que “todo o operativo desenvolveuse con normalidade e nestes momentos todos os pacientes trasladados están xa no seus cuartos, realizando o primeiro almorzo que se serve neste hospital”, apunta o Sergas nun comunicado.
O transporte sanitario utilizado nesta ocasión combinou ambulancias colectivas e individuais. Así, seguindo as indicacións e criterios clínicos dos facultativos, 26 pacientes trasladáronse en ambulancias colectivas e seis en individuais. O traslado rematou ás 13.00, con todos os pacientes ingresados nas súas novas habitacións.
Rubial quixo amosar o seu agradecemento a todo o persoal do Chuvi, sanitario e non sanitario, implicado na planificación e desenvolvemento deste dispositivo, así como a empresa de ambulancias, a Policía Local, e, por suposto, aos pacientes e familiares xa que “entre todos hoxe superamos unha nova etapa e dimos un paso máis adiante neste proceso de reordenación sanitaria e apertura do Álvaro Cunqueiro”
De xeito simultáneo á apertura da hospitalización, o servizo de Medicina Intensiva iniciou tamén a súa actividade. Nesta primeira fase do seu traslado, dará resposta exclusivamente ás necesidades que poidan presentar os pacientes hospitalizados no HAC.
Oncoloxía e Hematoloxía
Este martes terá lugar o segundo traslado ao HAC, no que vaise a mobilizar 46 pacientes ingresados nos servizo de Oncoloxía e Hematoloxía dos Hospitais Xeral e Meixoeiro.
Segundo informou o Sergas, cada un dos pacientes que van ser trasladados terán un profesional da enfermaría responsable do mesmo, que estará presente durante todo o proceso, acompañándoo na saída, no transporte sanitario, e ata a mesma habitación do Álvaro Cunqueiro no que o paciente queda ingresado. Así mesmo, estableceuse un procedemento de verificación de identidade dos pacientes -mediante unha pulseira identificativa que rexistrará a súa saída e a entrada- supervisado por este profesional responsable e polo servizo de Admisión, que farán in situ a comprobación de chegada do paciente e a confirmación do seu ingreso.
O protocolo establecido para os días do traslado contempla que ás 8.00 h. da mañá desa xornada, a unidade de hospitalización de destino esté operativa, co persoal preparado para recibir e reubicar aos pacientes. Os celadores baixarán as camas asignadas a cada paciente á Sala de Observación de Urxencias do Álvaro Cunqueiro, e desde alí os levarán a súa habitación.
Nos hospitais de orixe, entre as 8.30 h. e as 10.00 h., realizaranse as visitas médicas, notificaranse as altas, e confirmarase co servizo de Admisión a relación de pacientes a trasladar.
A saída dos pacientes efectuarase entre ás 10.00 h. e as 13:30 h. polas mañás, e a partires das 14:30 h. polas tardes; previndo a saída dun paciente cada 5 minutos, co que o ritmo de traslado estimado é de 12 pacientes á hora.
O tempo de traslado previsto por transporte é de 45 minutos de traxecto en ambulancia. O percorrido transcorrerá pola Avenida de Madrid e Autovía (A55), coa excepción dos procedentes do Hospital Nicolás Peña, que irán pola Avenida de Castrelos.
A chegada das ambulancias e o transfer dos pacientes ao hospital Álvaro Cunqueiro faráse dentro da Unidade de Observación de Urxencias de adultos -dotada previamente con equipos de persoal de Enfermaría e celadores que esperarán aso pacientes coas súas camas asignadas-, de xeito que o persoal de ambulancias poida volver a iniciar o proceso cun novo percorrido. O proceso loxístico finalizará cando todos os pacientes estean ubicados no seu andar de hospitalización do Álvaro Cunqueiro.