A responsable nacional de Organización de Erguer (Estudantes da Galiza), Iria Figueroa, afirmaba que “as dezaoito mobilizacións que convocamos en todo o país foron un éxito absoluto”, ao que engadía que “Erguer é a ferramenta que o estudantado galego precisaba para respostar aos ataques do estado español contra o ensino público con máis forza e máis unidade, e isto púidose ver claramente no decorrer das distintas mobilizacións convocadas para hoxe”.
Segundo informaban desde a organización estudantil que convocaba esta folga, en Vigo, a asistencia á manifestación foi de 750 persoas, e o responsable de Erguer nesta zona afirmaba que “acadamos a total unidade do estudantado de Vigo , baleirando as aulas e enchendo as rúas e organizando a mocidade nesta loita contra os recortes no ensino público, a LOMCE e o Decreto do 3+2”.