Representantes dos traballadores avaliaron a sentenza que permite a suspensión dos descansos do persoal, un fallo que confirma que as medidas contempladas no decreto aprobado de febreiro non foron negociadas coa representación social, senón impostas e adoptadas de maneira unilateral. Ademais, a xuíza entende que infrinxen a normativa europea sobre tempo de traballo, a lexislación sobre prevención de riscos laborais e realización de horas extraordinarias, ao tempo que imposibilitan o dereito a conciliar a vida laboral e familiar.
Para o bombeiro e delegado da CIG, Miguel Uclés, este ditame vén demostrar que o decreto municipal se basea nunha mentira: «a falta de efectivos no corpo de bombeiros non é puntual senón ordinaria, porque nos casos extraordinarios sempre acudimos sen que nos teñan que chamar».
Diante da labazada que supón a resolución, moi crítica co proceder do Goberno local, o representante da CIG considera «que a concelleira Elena Espinosa non pode seguir mantendo a súa postura de soberbia” e “polo ben da cidadanía de Vigo é necesario iniciar de forma urxente unha negociación para resolver este caos». A este respecto lembra que dende o inicio da folga, a mediados de agosto, non houbo un só día no que se puideran cumprir os servizos mínimos impostos pola falta de efectivos. «Esta é unha evidencia que debería avergoñar o Concello de Vigo, porque non está garantindo un servizo fundamental para a cidadanía, como a atención ás emerxencias», asevera.
Posible denuncia penal
Uclés entende que o conflito que se vive no corpo municipal de bombeiros apunta tamén a unha preocupante tendencia: que no Concello de Vigo se está a levar a cabo un ERE encuberto, no que a situación caótica xerada pola non incorporación de persoal achandaría o camiño para xustificar a externalización do servizo, «xa que este é un servizo fundamental que se ten que prestar á cidadanía si ou si».
Nesta liña, o comité de folga apunta á responsabilidade política directa de Carlos López Font, polo que non descartan iniciar a vía penal pola “vulneración reiterada dos dereitos dos traballadores e posible delito de prevaricación”. Ademais, estase pendente do informe da Inspección de Traballo.