“É a mostra da nosa vocación de ter unha sociedade viguesa trilingüe, queremos que todos os chicos e chicas de Vigo falen galego, castelán e inglés. E estamos a conseguilo”, anotou o alcalde, Abel Caballero, quen despediu aos rapaces na terminal viguesa. O rexedor puxo en valor que este ano teñen bolsa todos aqueles que a solicitaron e cumpriron cos requisitos, sen que ningún estudante quedase fóra.
Este martes parten outros 71 alumnos a distintos destinos de Inglaterra e Irlanda, o xoves voarán outros 172 estudantes, 158 o venres, 112 o sábado, 90 o domingo e un centenar o próximo luns, 24 de setembro.
O goberno de Vigo concede este ano 750 bolsas de inglés a alumnado de 2º de ESO para estadías en institutos de Inglaterra e Irlanda durante un mes. Dedica ao efecto 1,7 millóns de euros, aos que se engaden outros 160.000 euros para os 92 alumnos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo que tamén perciben unha axuda deste Concello.
Así, a administración local reserva este ano case que 1,9 millóns para as 842 bolsas de estudos no estranxeiro.
Tamén no eido educativo, o Concello vén de contratar a 20 profesionais para a vixilancia e portería de distintos colexios de Vigo, de tal forma que neste momento todos os colexios de Vigo gozan deste posto cuberto.