Trátase de dúas novas vivendas, de dous dormitorios a primeira e tres a segunda, coas que se lle da resposta á crecente demanda de pisos de máis habitacións, ocupando unha superficie ao redor de 118 metros cadrados.
Finalizados os correspondentes prazos de presentación de ofertas, un total de seis empresas no caso de Ferrería 8 e de cinco no caso de Cruz Verde 8 achegaron a documentación oportuna para optar á realización destas dúas novas promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo. Nas próximas semanas procederase á análise e valoración das ofertas presentadas para seleccionar as empresas adxudicatarias, que se suman ás dúas que o CCVV ten xa en marcha na actualidade nas rúas Subida a Costa 5 e Subida ao Castelo 12.
O Consorcio Casco Vello de Vigo vén de presentar recentemente o seu plan de actuación ata 2020 cunha inversión proxectada que supera os 15 millóns de euros. Os investimentos previstos levaranse a cabo nas zonas alta e baixa do casco histórico vigués e permitirán ter rehabilitados 5.382,52 metros cadrados de vivendas e 1.882,08 de locais. En conxunto o plan recolle como obxectivo de partida a rehabilitación dunha decena de edificacións nos vindeiros sete anos, que podería elevarse de aprobar, como ten avanzado o Goberno local, a vía da expropiación.
Investimentos que levan aparellada unha achega adicional tanto por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) coma do Concello, cunha contía de 1,4 millóns o primeiro e 140.000 euros o segundo.
Labor do CCVV
Nestes doce anos, o Consorcio Casco Vello adquiriu 68 inmobles situados dentro dos límites do seu ámbito de actuación, fixados polo PEPRI Casco Vello. Deles 46 están xa totalmente rehabilitados, 7 foron transferidos a outros organismos, 4 están en proceso de construción, 5 en proxecto e tan só en seis deles, a maior parte de recente adquisición, non se iniciaron aínda os labores de rehabilitación.
O consorcio promoveu 108 vivendas, das que 83 xa foron vendidas e outras 15 están en distintas fases de execución. En canto aos locais comerciais, interveuse en 33, dos cales 29 xa están totalmente finalizados, e unha boa parte deles están xa vendidos ou alugados. O investimento total desde a súa constitución supera os 45 millóns de euros.