Segundo indicou, Vigo recibiu en xuño 39.000 visitantes, case un 5% máis con respecto a xuño do ano pasado. «É o mellor xuño turístico dos que se ten rexistro na historia da cidade», engadiu. As pernoitas en xuño foron máis de 77.000, o que significa un crecemento do 13%. Tamén neste apartado, volve ser o dato máis alto desde que hai rexistros de turismo en Vigo. Caballero destacou que o pasado mes «subiron moito as pernoitas de estranxeiros, nun 12%, pero máis as nacionais, con máis dun 13%». Pola súa banda, os datos de visitantes nacionais mostran un ascenso do 7,2% e en estranxeiros, do 0,98%.
Respecto á porcentaxe de ocupación dos hoteis en xuño, o rexedor apuntou que foi do 70%, «unha moi importante ocupación».
En canto aos datos acumulados neste primeiro semestre do ano, Caballero afirmou que «levamos acumulados 181.000 visitantes, un incremento do 1,2 con respecto ao ano anterior, que xa fora un ano récord». Así, lembrou que, a pesar do problema orixinado pola desconexión do sistema antinéboa de Peinador, «conseguimos de novo subir e tivemos o mellor semestre do ano en turismo».
O mesmo sucedeu en pernoitas: «Subimos un 2,7% con respecto aos seis primeiros meses do ano anterior, o que significa que levamos un ano 2018 récord en turismo en Vigo», destacou.
O alcalde manifestou a súa satisfacción ante estes datos e confía en que continúen na mesma liña. «Estamos a conseguir asentar unha gran pata económica de Vigo, a do turismo. Isto ten varios elementos principais entre os que destaca Cíes Patrimonio da Humanidade, que é un reclamo turístico de primeira magnitude, por iso algúns non queren que o teñamos en Vigo», afirmou. Tamén destacou o bo estado da cidade grazas ás numerosas humanizacións, «que nos converten nunha cidade de gran atractivo turístico».