Segundo informou a CIG, a decisión foi adoptada en asemblea o pasado venres a proposta da federación de Servizos da central e o luns comezaron as primeiras concentracións no interior do novo hospital vigues. A intención do persoal é manter as mobilizacións diarias en horario de mañá e tarde até lograr máis contratacións e garantir que se respecten as condicións laborais.
Dende a CIG-Servizos explican que dende que Acciona asumiu a xestión do servizo intentou manter no Álvaro Cunqueiro o mesmo número de traballadores que había no hospital Xeral, «cando a superficie do centro é moitísimo maior no novo hospital”. Esta situación está a provocar eivas na limpeza, tanto pola escaseza de persoal como pola falta de material axeitado.
Ao mesmo tempo, a central denuncia que a empresa está a incumprir as condicións laborais dos empregados, xa que aos contratados para realizar substitucións aplícalles o convenio provincial de Limpeza de Edificios e Locais “a pesar de que teñen convenio propio de empresa, o que provoca unha importante diferenza salarial”.
Esta irregularidade foi posta en coñecemento da Inspección de Traballo por parte da CIG, tras o que a autoridade laboral lles obrigou a cambiar os contratos, “decisión que aínda non foi aplicada pola compañía”.
Diante disto, o cadro de persoal optou por convocar concentracións diarias tanto en horario de mañá (de 10.00 a 10.30 horas) como de tarde (de 18.00 a 18.30 horas). As protestas tiveron lugar na entrada principal do hospital e nos locais que a empresa ten á súa disposición no centro médico, mentres que a partir do mércores as mobilizacións trasladaranse á porta da zona de consultas externas.