A Xerencia da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada) da área sanitaria Vigo remitiu este vernes un comunicado no que puntualiza as denuncias realizadas horas antes polo sindicato CCOO sobre a situación das Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro.
«O servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro está a funcionar con absoluta normalidade. O pasado luns día 5 rexistrouse un pico asistencial, no que se atenderon a 445 pacientes, un cento de pacientes adultos máis da media diaria, que é de 342. Ademais, a maior parte deles concentráronse nun curto espazo de tempo, o que ralentizou os tempos de atención», explica o Sergas.
Na nota de prensa puntualiza que «en ningún momento houbo colapso -non paralizouse a actividade asistencial- e os pacientes foron tríados en canto entraban, e iban sendo atendidos segundo as prioridades clínicas. Os urxentes non esperaron; aqueles que tiveron un tempo de espera máis longo do desexado foron os que presentaban patoloxías banais, nos que a demora na atención non entraña ningún compromiso vital ou risco de empeoramento da súa situación clínica».
Ademáis, aclara que «o pico rexistrado foi un feito puntual, que non pode vincularse a temas estruturais ou dotacionais do servizo. De feito, todos os recursos estaban operativos e dispoñibles. O cadro de persoal estaba ao completo, cos 62 profesionais na quenda de mañá, 66 na de tarde e 48 na noite».
Por categorías profesionais, engade o Sergas, o servizo conta con 13 facultativos das quendas de mañá e tarde, e 9 en horario de noite; 20 enfermeiras en quendas de maña e tarde e 14 de noite; 12 auxiliares de maña, 14 de tarde e 10 de noite; e 17 celadores de mañá, 19 de tarde e 15 de noite.
«Ese día había camas suficientes nas plantas de hospitalización. Respecto ás camas en Urxencias, o luns ás 20 horas estaban ocupadas só 8 das 30 camas de observación dispoñibles; na sala de ingresos, dotada de 10 camas, só había 3 camas ocupadas á mesma hora, permanecendo aberta en todo o momento», asegura.
No mesmo comunicado, apunta que «en relación co número de camas dispoñibles para o hospitalización de pacientes, a flexibilidade do hospital permite realizar unha xestión eficiente dos recursos e adaptarse ás necesidades asistencias determinadas tanto polos ingresos urxentes como programados. Hai que lembrar que o 70 por cento das habitacións son individuais e están acondicionadas para acoller unha cama máis mantendo as mesmas condicións de confortabilidade. Neste senso, é unha medida habitual, en caso de necesidade, duplicar as habitacións individuais. A día de hoxe hai 9 habitacións individuais con dúas camas».
E por último, no referido ao persoal de Atención primaria, explica que «como norma xeral e sempre que é posible, as ausencias do persoal titular son cubertas con persoal substituto. Na EOXI de Vigo disponse de 39 médicos de familia para substitucións, estando 38 contratados cubrindo ausencias por enfermidade dos titulares, cubríndose en primeiro lugar as ausencias prolongadas e deixando en ultimo termo os días de libre disposición, pola súa menor repercusión asistencial. No caso dos pediatras, a administración sanitaria ten dificultades para xestionar estas substitucións xa que neste momento non hai pediatras dispoñibles nas listas de contratación para cubrir estas ausencias do persoal titular».