Así o acordou esta mañá nunha sesión plenaria que que interviu unha representante dos traballadores no día no que se cumpren 78 días de folga. Teresa Alonso leu un manifesto no que aclaraba que non solicitan un incremento salarial, senón a equiparación co resto das comunidades autónomas. Insistiu en que loitan contra a «intransixencia por parte do partido que nos goberna», incidindo en que a folga se mantén desde o 7 de febreiro cun 70% de seguimento aproximadamente.
Na quenda de intervencións, Marea acusou ao Goberno galego de usar a táctica das patronais «retrógradas» de dividir e non dar lexitimidade aos representantes sindicais e animou aos traballadores a non «ceder á chantaxe da Xunta». O concelleiro socialista Carlos López Font apuntou que «debería poñerse colorado calquera representante político a espeluznante cantidade de días que levan estes traballadores en folga». Na súa opinión, é inxustificado que 78 días despois se estea a pedir que se sente a negociar o vicepresidente da Xunta.
A voceira do PP, Elena Muñoz, asegurou que todos os traballadores teñen dereito a pedir unha mellora nas súas condicións laborais, tras o que defendeu que a «vontade de negociar da Xunta sempre estivo enriba da mesa e a man segue tendida».
Caballero, quen pechou a rolda de intervencións trasladando aos folguistas o apoio do alcalde, do goberno, do Pleno e da cidade, achegouse á Praza do Rei, acompañado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, para saudar aos traballadores da Xustiza, que organizaban un almorzo solidario.