A Corporación municipal de Vigo aprobou este mércores por unanimidade unha moción para instar á Xunta de Galicia a que «de xeito urxente e inmediata» elabore o Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural Illas Atlánticas, un instrumento «imprescindible» para a xestión e conservación deste espazo natural. O defensor da iniciativa, o voceiro socialista Carlos López Font, censurou ao presidente da Xunta por recoñecer nas últimas horas que é «incapaz» de chegar a acordos para aprobar o documento.
López Font foi tamén o encargado de presentar outra das mocións relacionadas coas Illas Cíes que se aprobaron na sesión plenaria desta mañá. Nunha segunda moción socialista, que neste caso non obtivo o respaldo dos grupos da oposición, esixíronse responsabilidades políticas pola «nefasta» actuación do goberno autonómico na decisión de non permitir o acceso ás Illas Cíes de miles de persoas o pasado 20 de agosto. Na súa intervención, o voceiro do PSdeG criticou que o goberno galego se desentenda da súa responsabilidade culpando só ás navieiras, cando ten todas as competencias para xestionar o número de visitantes, controlar ás empresas e preservar o entorno. Logo de ratificar a necesidade de exista e se respecte unha cota de visitantes para preservar o ecosistema medioambiental, o texto socialista censura que desde a Xunta non se adoptaron medidas de control previo que evitaran situacións de caos como as vividas o pasado 20 de agosto. En opinión dos socialistas, a decisión da Xunta causou un dano «gravísimo» á imaxe das Cíes e do turismo da cidade de Vigo.