Segunfo informou o PP, esta nova lei ten como obxectivo principal dar unha resposta inmediata para evitar que proxectos públicos de interese ou de excepcional interese, que actúan como cauces vertebradores da igualdade social e impulsores do crecemento económico de Galicia, poidan quedar frustrados.
Na súa intervención, Jaime Castiñeira lamentou a negativa de AGE a incorporar o texto desta nova lei como emenda á Lei do Solo, dado que a proposta que levou o Grupo Popular, xunto coas incorporacións que se aceptaban do resto dos grupos parlamentarios, era exactamente igual que o texto lexislativo aprobado hoxe.
“Para vostedes canto peor, mellor, porque teñen algo en contra da xeración de emprego?”, cuestionou o portavoz popular, quen engadiu que desde o PP “buscamos unha solución para os problemas de Vigo, pero non só desta cidade senón do resto dos concellos galegos, porque é unha lei pensada para os 314 concellos de Galicia”.
Castiñeira manifestou que o Concello “debe ser a administración expropiante” e salientou o respecto absoluto á autonomía local para que “se considera que o proxecto non é interesante, ten a potestade de informalo desfavorablemente e a Consellería arquivará o procedemento”.
Esta nova lei é “un paso importante en materia de participación das administracións en relación a calquera proceso anterior”, sinalou Jaime Castiñeira, para avogar por “avanzar na solución de problemas e pensar nos veciños e nos traballadores: non podemos facer política de calquera cousa e as nosas liortas políticas non poden afectar aos veciños”.
O portavoz popular tamén xustificou que na emenda presentada polo Grupo Popular se fixe a data de entrada en vigor desta nova lei o día 20 de marzo, “xa que a nova Lei do Solo entrará en vigor ese mesmo día, logo de que se publicara no DOG o pasado 19 de febreiro, e levar adiante o que propón AGE suporía a derrogación desta lei por parte da Lei do Solo”.
Así mesmo, Castiñeira criticou que o texto alternativo presentado por AGE por en risco que proxectos levados a cabo pola Administración central se poidan completar plenamente, como podería acontecer coa ampliación de Citroën ou a estación intermodal.