Como remarcaba o vicerreitor na súa presentación, “para a elaboración dos orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2019, ademais da lexislación aplicable, tivéronse en conta algúns aspectos do programa electoral, como o abono da paga extra íntegra do PDI, a redución horaria do profesorado e a promoción do Persoal Docente e Investigador”. O aumento do orzamento é posible, destacaba, debido principalmente ao incremento das axudas finalistas conseguidas no novo programa marco H2020 e ao éxito nas convocatorias competitivas de infraestruturas de investigación. A este último tema referiuse o reitor no seu informe anual, no que avanzou que se captaron máis de 7 millóns de euros nesa convocatoria, uns resultados que cualificou de grande éxito. Reigosa adiantou tamén as cifras de matrícula, que amosan unha ocupación de prazas de novo ingreso por riba do 100%. A orde do día incluíu finalmente a presentación do informe do Defensor Universitario, Argimiro Rojo, referido a 2017, no que reclamou máis “prevención e control” fronte ao mal uso das novas tecnoloxías.
Incremento do 5,79% do orzamento
De acordo coas previsións de ingresos, o equipo de goberno estima para o exercicio 2019 un orzamento de ingresos por valor de 182.535.089€, o máis elevado da historia da institución. Como explicaba Martín Moreno, esta contía supón un valor superior ao do exercicio anterior, nun 5,79%, xustificando esta previsión nas estimacións realizadas de contribución do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, que achega novos fondos para o financiamento de maiores proxectos de investigación e o “grande éxito na convocatoria de infraestruturas de investigación”. Nesta estrutura de ingresos, destaca o considerable incremento das transferencias correntes (6,79%) debido ao incremento dos fondos do Plan de Financiamento do SUG para sufragar o incremento salarial do exercicio 2019 reflexado nos orzamentos do Estado e de capital (10,38%) debido á consecución de novas axudas para infraestruturas científicas e mantéñense as axudas para as Agrupacións Estratéxicas e Centros Singulares de Investigación.
No apartado de gastos, o abono da paga extra íntegra do PDI, a redución horaria do profesorado e a promoción do PDI tradúcese no incremento do capítulo que corresponde aos gastos de persoal, e na reestruturación doutros capítulos do orzamento como os gastos correntes e os de capital. Segundo o documento presentado este luns, “o conxunto do gasto mantén criterios de previsión racionais, marcado pola xestión eficiente dos recursos ordinarios, garantindo a capacidade de funcionamento para o nivel de gasto e potenciando o gasto no capítulo de persoal asociado as novas políticas”. Deste xeito, o capítulo de persoal segue a ser a principal partida de gasto, o 59,78% do total do orzamento e un importe de 109.126.119 €. Esta cantidade é superior a orzamentada no 2018, que foi 102.641.859€ e isto débese ao incremento salarial do 2,375% reflexado nos orzamentos do Estado para o exercicio 2018, a redución de horas docentes e as ofertas de emprego público 2019.
Outro dos capítulos que máis incrementa é o de gasto financeiro, debido ao incremento dos gastos derivados da contratación de novos avais para que a Universidade poida presentarse a licitacións públicas e debido a que no exercicio precedente a execución foi superior a estimación inicial. O capítulo de gasto corrente ten unha previsión de 28.034.976 €, experimentando un lixeiro incremento do 4,02%, por mor do incremento de gastos asociados a cursos e conferencias, froito da consecución de novos proxectos de cooperación educativa internacional e polo incremento previsto dos subministros por mor da alza do prezo da enerxía eléctrica e os combustibles. O capítulo de transferencias correntes presenta unha rebaixa do -4,93%, acadando un valor de 7.345.470€, mentres os investimentos reais acadan unha contía de 35.609.074€, cun incremento de 7,96% verbo de 2018, polo grande éxito na consecución de fondos finalistas destinados a infraestruturas de investigación.