O doutor vigués, Manuel Crespo, accede á Xefatura do Servizo despois de desenvolver un intenso labor profesional en Barcelona, onde na actualidade estaba adscrito a Medicina Interna do Hospital Vall d’Hebrón.
Licenciado pola Universidade Autónoma de Barcelona, realizou a especialidade en Medicina Interna no Hospital Xeral-Cíes e obtivo o doutoramento na Universidade Autónoma de Barcelona cunha tese sobre “Tratamento da hepatite crónica VHC en pacientes coinfectados polo virus de inmunodeficiencia humana”. Ademais é licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en Bioquímica Clínica no Hospital Universitario Vall d’Hebron e Máster en “Metodoloxía da Investigación en Ciencias da Saúde”.
Manuel Crespo é facultativo especialista en Medicina Interna desde xaneiro do ano 2000. Ata 2008 desempeñou labor asistencial nos servizos de Urxencia de Medicina Interna de varios hospitais da rede pública do Instituto Catalán da Saúde, concretamente no Hospital Consorci Sanitari de Terrasa, no Hospital de Mataró e no Hospital Universitario Vall d´Hebrón. Na actualidade estaba vinculado ao Servizo de Enfermidades Infecciosas do Hospital Vall d’Hebron.
No seu curriculum hai que subliñar tamén unha importante labor docente como profesor instrutor de residentes no Vall d’Hebron, foi codirector de dous cursos de formación sobre infección por VIH e profesor do Máster en “Traslational Biomedical Research”. Ademais dirixiu varias teses de doutoramento.
Investigación
É investigador principal do Hospital Vall d’Hebron para ensaios clínicos nacionais e internacionais e participou en seis proxectos de investigación internacionais desde o ano 2000 ata a actualidade.
Ademais de colaborador en sociedades científicas e redes de investigación, a maioría relacionadas coa SIDA, é revisor de artigos de investigación para polo menos tres revistas de publicación internacional; e realizou 53 publicacións nos últimos 8 anos, das que 14 tiveron unha ampla repercusión internacional.