Por servizos, trasladáronse tres de Otorrinolaringoloxía, catro de Cirurxía torácica e cinco de cirurxía vascular do Hospital Xeral; mentres que desde o Meixoeiro reubicáronse oito pacientes de Uroloxía e catro da Unidade de Coidados intensivos. Cada un dos pacientes foi trasladado en ambulancia individual, acompañado por persoal de enfermaría e, nalgúns casos, tamén por facultativos. O traslado, que se efectuou en quenda de mañá, rematou ás 13.30 h. cando todos os pacientes estiveron ingresados nas súas habitacións.
Bloque cirúrxico
Os especialistas dos servizo de Uroloxía, Otorrinolaringoloxía, Cirurxía vascular e Cirurxía torácica serán os primeiros profesionais do Chuvi en estrear os quirófanos do Álvaro Cunqueiro. Así, na xornada de este martes, estes equipos realizarán nas catro salas cirúrxicas programadas, dúas intervencións cada un deles. En total, vanse operar oito pacientes no HAC .
Os catro xefes de servizo que estrearán as nova instalacións coinciden en explicar que para o primeiro día de actividade seleccionaron pacientes que requerían procedementos simples e, de xeito gradual, ir incrementando a súa complexidade a medida que vaian comprobando e testando as novas instalacións.
Así, o servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular realizará dous procedementos a pacientes con fístulas arteriovenosas; ORL dúas intervencións de tabiques do nariz; Cirurxía torácica dúas toracoscopias -procedemento endoscópico a través do tórax-; e Uroloxía realizará unha operación de próstata e un implante dun esfínter artificial.
Esta última será a intervención de maior complexidade. Segundo afirma o encargado de levala a cabo, o xefe do servizo de Uroloxía do Chuvi, Antonio Ojea “trátase dunha intervención que tecnicamente presenta certa complexidade, implica utilización de tecnoloxía e ten un alto custe sanitario; pero estamos tranquilos, xa que temos experiencia nesta técnica, ao ano realizamos uns 40 implantes deste tipo, e contentos de poder estrear xa os novos quirófanos”.
Os equipos que realizarán mañá estas primeiras intervencións son os equipos cirúrxicos habituais, compostos por dous especialistas de cada servizo, anestesiólogos, efectivos de enfermaría e celadores de quirófano.
Realización de simulacros
Este luns estes equipos realizaron nas novas dependencias simulacros, co obxecto de comprobar o correcto funcionamento dos equipos, familiarizarse coa disposición e emprazamento do material, e testar os circuítos.
A partires do martes, se irán incorporando progresivamente ao HAC as distintas especialidades, de xeito que o venres xa estean operando 11 especialidades cirúrxicas en 13 quirófanos. Esta semana un total de 61 pacientes serán intervidos no novo hospital vigués.
Paralelamente ao comezo da actividade cirúrxica, iniciará a súa actividade a Unidade de Reanimación do HAC, emprazada ao carón do bloque cirúrxico. O novo hospital conta con 60 postos totais de recuperación postanestésica, distribuídos en dous Reanimacións e dous Despertares postcirúrxicos. Estes recursos supoñen un incremento de 9 postos máis que os dispoñibles ata a data no Chuvi, un total de 51 entre o Xeral e o Meixoeiro xuntos.
Esta área está dotada da máis completa tecnoloxía dirixida a preparación e recuperación de pacientes, permanentemente monitorizados, e presenta una distribución espacial cun control central que posibilita a vixilancia e seguimento continuado ata dos pacientes ata o seu restablecemento e adecuación ao medio. No referido aos recursos humanos, este servizo é un dos mais dimensionados do Chuvi, cun total de 86 facultativos.
O xefe do servizo de Anestesia e Reanimación, Gerardo Baños explica que “no novo hospital disporemos de máis e mellores e medios, cunhas instalacións máis completas e modernizadas, dotadas coas tecnoloxía máis avanzadas e con equipamentos de anestesia de alta gama”.
Quirófanos
O Álvaro Cunqueiro conta con 24 quirófanos. O novo bloque cirúrxico está formado por 22 quirófanos, dous destinadas a Urxencias e 20 a cirurxía programada. Ademais, conta tamén con dous salas cirúrxicas máis, dedicadas exclusivamente a Obstetricia. A infraestrutura do HAC compleméntase coa do Hospital Meixoeiro, cun bloque de cirurxía maior ambulatoria composto por 12 quirófanos e unha área de técnicas especiais provista de 3 salas de cirurxía menor.
En total, ocupan unha superficie construída aproximada de 3.600 metros cadrados no que sumados aos 1.900 metros cadrados dispoñibles no Meixoeiro conforman un total de 5.500 metros cadrados destinados a área cirúrxica no Chuvi.
Neste senso, a superficie útil de cada quirófano é de entre 45 e 55 metros cadrados, en función do seu emprazamento, superando os dispoñibles ata a actualidade, que oscilaban entre 35 e 37 metros cadrados. A maior amplitude espacial das salas mellora as condicións de funcionamento, sobre todo á hora de incorporar equipamento e fluxo de profesionais en torno ao paciente.