Ademais, a Estación Sur de Autobuses de Madrid será protagonista desta campaña de promoción xa que o túnel que comunica esta estación co metro e o tren de proximidade estará totalmente rotulado con imaxes da cidade durante o Nadal. Tampouco pasará desapercibida para todas as persoas que transiten por este túnel a invitación do alcalde, Abel Caballero, a vir a Vigo para gozar do Nadal “máis top do planeta”.
Destacará tamén o lema da campaña ‘Vigo, onde vive o Nadal’, e as alusións á iluminación e todos os soportes e actividades que se desenvolverán durante estas festas na cidade olívica. O rexedor vigués acudiu a Madrid este martes para presentar e ver de primeira a man a decoración deste espazo.
A campaña, que dá comezo este martes 19 de novembro e que se prolongará durante todo o Nadal, non implicará ningún compromiso económico para as arcas do Concello vigués, xa que a empresa asumirá a integridade dos custos. Esta iniciativa únese á impulsada polo Goberno local para anunciar as festas no mobiliario urbano doutras nove cidades españolas e tres portuguesas.
Non é a primeira vez que os buses do Grupo Avanza, compañía que xestiona Vitrasa, promocionan a imaxe de Vigo fora da cidade. No verán de 2017, dous autobuses que cobren a ruta Vigo-Madrid estiveron rotulados con imaxes das Illas Cíes e o slogan: “Illas cíes: Obxectivo, Patrimonio da Humanidade”. Tamén a Estación Sur de Autobuses de Madrid foi escenario desta campaña coa decoración integral do túnel que comunica dita estación co metro e o tren de proximidade.