Trátase dun acelerador Varian, modelo TrueBeam que quedará instalado no búnker que se habilitou para ese efecto na Unidade de Oncoloxía Radioterápica deste centro, e forma parte do compromiso asumido pola Fundación Amancio Ortega, que financia a renovación da tecnoloxía de diagnóstico e tratamento oncolóxico do Servizo Galego de Saúde.
Segundo informou o Sergas, este é o segundo equipo que se incorpora, despois do que acaba de instalarse en Lugo. Nos próximos días realizarase a montaxe do equipo para, seguidamente, iniciar o proceso de adaptación, calibrado e axuste que permita iniciar os tratamentos nas vindeiras semanas.
A súa extraordinaria rapidez e precisión na administración das doses de radiación, xunto cos seus mecanismos de seguridade, así como os avanzados sistemas de imaxe e compoñentes robotizados de que vai dotado, convérteno en todo un referente das tecnoloxías contra o cancro. Ao tratarse dun equipo de banda innovadora, vanse poder realizar todas as técnicas coñecidas ata agora para un acelerador lineal, e ademais vén preparado para incorporar procedementos de futuro que hoxe aínda están en fase de desenvolvemento.
O Sergas considera que no futuro este tipo de procedementos especiais, para certos tipos de patoloxías, se iran facendo cada vez mais, e por iso planificou a incorporación destes equipos nos hospitais de nivel III, que actúan como referencia para as distintas áreas sanitarias. Así, esta prevista a incorporación de máis equipos destas características no Sergas.
Sesións de so 3 minutos
A combinación das súas principais calidades, rapidez e precisión, vai permitir acurtar notablemente o número de sesións de tratamento, e ao mesmo tempo aumentar as doses dirixidas ao tumor, e polo tanto, a súa efectividade, preservando ao máximo os órganos e zonas sas que os circundan. En determinadas patoloxías os tratamentos vanse beneficiar dunha redución notable na súa duración, que pode ser ata dun 70% do seu tempo, pasando de sesións de 20 minutos a tan só 3 minutos, ou de tratamentos de 38 sesións a só seis nun cancro de próstata, por poñer un exemplo significativo. A redución do tempo das sesións tamén é un factor de seguridade, ao descender na mesma proporción as posibilidades de que o paciente se mova durante o tratamento.
Os novos aceleradores que incorpora o Sergas van dotados dunha tecnoloxía denominada rapidARC pola cal o acelerador pode emitir radiación mentres o seu cabezal xira ao redor do paciente, adaptando en cada momento o feixe e a dose á posición do tumor; unha característica que contribúe, aínda máis se cabe á efectividade, precisión, seguridade e rapidez dos tratamentos.
O acelerador leva incorporado un sistema de micromultiláminas, con láminas moi finas, de entre 2,5 mm e 5 mm, que lle facilitan o tratamento de tumores de todo tipo de formas e tamaños, ao adecuar con suma precisión o feixe de radiación ao perímetro e morfoloxía do tumor. Con esta ferramenta pódese realizar radiocirurxía, unha técnica que consiste en aplicar altas doses de radioterapia para eliminar tumores pequenos con absoluta precisión.
O Hospital do Meixoeiro vén realizando desde hai anos radiocirurxía para tratar tumores cerebrais, e co novo acelerador prevese aplicar esa técnica tamén a tumores situados no resto do corpo (SBRT).
Tratamentos máis individualizados e seguros
O sistema de imaxe con que conta o novo acelerador lineal permite ver en todo momento onde se atopa o tumor mentres o paciente recibe o tratamento e consecuentemente adaptar o envío de radiación a calquera movemento corporal. É o que se coñece como radioterapia guiada por imaxe ou IGRT.
Os aceleradores de banda innovadora como o de Vigo, denominados TrueBeam, incorpora ademais unha mesa robotizada que facilita a colocación do paciente en calquera posición de maneira automática, e conta cun sistema de infravermellos que alerta de calquera movemento imprevisto do paciente chegando mesmo a interromper o tratamento de maneira automática.
Neste equipo a perfección dos tratamentos garántese mediante un sistema de imaxe que facilita a revisión a radiación que se está a aplicar e compara as doses calculadas coas que está a recibir realmente. En definitiva permite valorar os tratamentos e adaptalos mentres estes se están realizando.
Todas estas características van redundar nunha maior capacidade para afrontar a demanda, ao poder resolvela dun xeito máis rápido, e vaise a poder avanzar na aplicación dunha radioterapia cada vez máis individualizada e por tanto máis eficaz.
Referencia nacional para tratar tumores cerebrais en nenos
A Unidade de Oncoloxía Radioterápica do CHUVI recibe máis de dous mil pacientes novos cada ano, e leva cabo unha media de 200 tratamentos cada día, que supoñen ao redor de 40.000 sesións anuais de radioterapia. Dende a súa entrada en funcionamento hai 18 anos dispón dun amplo equipo de profesionais capacitado para desenvolver as últimas técnicas da especialidade, como a aplicación de radioterapia de intensidade modulada (IMRT) en gran parte dos tratamentos.
A Unidade dispón dun sistema de radiocirurxía estereotáxica co que se realizan ao redor dun centenar de tratamentos cada ano e dun radioquirófano para técnicas de braquiterapia de alta e baixa taxa, no que se tratan máis de 200 pacientes cada ano. Compre lembrar tamén que esta unidade e referencia a nivel nacional no tratamento de tumores cerebrais en nenos, ao dispor de dispositivos especiais de inmovilización deseñados na propia unidade.