Este novo equipamento, emprazado na Área de Diagnóstico por Imaxe, no bloque técnico do centro, é de nova fabricación e procede de Holanda. Trátase dunha Resonancia Magnética Dixital de 3 teslas de forza magnética, das máis avanzadas que existen na actualidade no mundo, e permitirá realizar os estudos máis innovadores neste eido; de feito, en España só existen tres equipamentos destas características.
Nesta nova dotación de alta tecnoloxía, o Sergas realizou un investimento de máis de dous millóns de euros.
Nos próximos días tamén quedará operativa outro equipo de Resonancia de alta resolución, procedente do Hospital Xeral de Vigo, que seguirá realizando no Hospital de Beade a actividade que xa desenvolvía no antigo emprazamento.
Altas prestacións
Entre as características técnicas da nova Resonancia Magnética cabe subliñar, como un dos maiores avances, que a súa sinal é dixital, situada na propia antena receptora xunto ao paciente. Ademais, toda a información transmítese por fibra óptica ata o ordenador principal, o que impide a degradación do sinal.
Os equipos de RM de 3T teñen unha maior resolución, e permiten obter imaxes de máis calidade en calquera órgano, nun tempo menor e coa máxima confianza diagnóstica, conseguindo así un diagnóstico aínda máis preciso e eficiente.
Isto significa unha achega inestimable para a detección precoz de múltiples patoloxías, especialmente en pacientes oncolóxicos e neurolóxicos. Neste senso, cómpre salientar que un diagnóstico máis preciso posibilita un tratamento máis axeitado e individualizado, o que conleva maiores beneficios para o paciente.
Outra das vantaxes do novo equipamento é a maior resolución nas técnicas de RM funcional avanzadas, que permiten o estudo das características metabólicas ou celulares dos tecidos “in vivo”, conseguíndose diagnóstico moi precoces dalgunhas patoloxías.
Ademais, a nova Resonancia Magnética ten un deseño único en prestacións e confort para os pacientes.
O desenvolvemento actual da tecnoloxía tamén permite que a curva de aprendizaxe destes equipos para técnicos e radiólogos sexa mínima, xa que o seu manexo é doado e non presenta excesivas diferencias cos actuais.
A incorporación destas novas dotacións tecnolóxicas posibilitará seguir implementando novas técnicas e procedementos diagnósticos para avanzar na mellora da calidade asistencial ofertada na área sanitaria de Vigo.