A marcha sairá da Praza do Rei ás 11.00 horas para rematar no parque de Castrelos, nunha festa final na que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua, Oh Ayatollah. Ademais, para os máis pequenos desde as 11.00 horas actuará, no propio parque, Pakolas.
Nesta edición participarán 2.000 alumnos de 22 centros de educación infantil, primaria e secundaria de Vigo, Mos, As Neves e Gondomar. Dará a saída á marcha na Praza do Rei o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco.
O Correlingua, que percorre doce localidades galegas entre o 2 e o 16 de maio baixo o lema ‘A lingua non para’, iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de vídeo, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre.
A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do galego e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren toda Galicia.