O Correlingua alcanzará o vindeiro venres 9 de maio un cuarto de século de existencia coa participación de 1.800 escolares de 20 centros docentes de Vigo e da súa área.
«É un día de festa, reivindicativo e participativo», asegurou este luns a concelleira de Educación, Olga Alonso, ao presentar con Anxo Terán, presidente da Asociación Cultural Correlingua, a nova edición que se celebrará baixo o lema «A mocidade activa, por unha lingua viva».
A Praza do Rei de Vigo será o punto de partida da marcha pola lingua que finalizará no Parque de Castrelos.
A vocación reivindicativa do Correlingua para promocionar activamente o uso do galego en todos os ámbitos e de forma especial entre a mocidade mantense intacta, segundo apuntaron a concelleira de Educación e o presidente da Asociación Cultural Correlingua ao presentar a 25 edición da cita festivo-cultural.
Olga Alonso explicou que o venres a marcha polo uso do galego comezará ás 11 da mañá na Praza do Rei para finalizar en Castrelos onde están programadas as actuacións de Paco Nogueiras e de Pauliña.
A edil lembrou que todas as persoas que queiran unirse á andaina polo centro da cidade poden sumarse para participar nunha cita festiva e educativa.
Anxo Terán, tras expresar a súa preocupación pola situación do uso do galego, puxo en valor as actividades que se desenvolven durante todo o ano, como o «Canta Lingua» que este ano contou coa participación de 25 grupos.