Segundo anunciou este luns o alcalde, Abel Caballero, que visitou a zona, o consistorio decidiu iniciar pola vía de urxencia os traballos de reforma co obxectivo de corrixir “o afundimento ocasionado por unha mala canalización das augas por debaixo” da estrada, unha situación que “supón un risco para os coches e para a seguridade das persoas”.
Desde o Concello aseguran que, unha vez detectado o problema, deron traslado á administración titular da vía, a Xunta de Galicia, pero ante a falta de resposta o goberno local adoptou a decisión de regular o tráfico na zona e dar comezo aos traballos de reparación cunhas obras de emerxencia.
A través dun comunicado, o consistorio denunciou que o goberno galego “segue sen asumir as súas obrigacións na cidade e, ante este abandono, o Concello viuse obrigado a acometer a obra e posteriormente repercutirá o importe á administración autonómica”.
Resposta da Xunta
O Executivo autonómico non tardou en respostar a estas acusacións e lamentou a “falta de seriedade” do goberno olívico.
“O Concello de Vigo cometeu un erro na súa comunicación á Xunta de Galicia demandando unha intervención nesa estrada, pois lle remitiu a documentación á Axencia Tributaria de Galicia en lugar de a Axencia Galega de Infraestruturas. Con todo, o escrito do Concello de Vigo na súa versión en correo electrónico si foi remitido á Axencia Galega de Infraestruturas pero sin adxuntar o informe técnico no que se fundamenta e detalla a necesidade de intervención. Dificilmente tería podido a Xunta actuar no prazo de 96 horas establecido polo Concello. O oficio adxuntado nese correo electrónico revela o envío erróneo a Axencia Tributaria”, explican fontes autonómicas.
Ademais, a Xunta lembrou que a Estrada Vella de Madrid “foi cedida pola Xunta ao Concello de Vigo mediante a sinatura dun convenio no ano 2000”. O consistorio renegara en 2009 dese acordo de xeito unilateral pero, segundo o goberno galego, sen cumprir os trámites administrativos necesarios para facelo conforme á normativa. Por iso, entende que a titularidade segue a ser da administración local.