O alcalde informou esta mañá da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local das bases da convocatoria das bolsas do Concello para estancias lingüísticas no estranxeiro de alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Vigo. O goberno municipal oferta 47 bolsas para estadías de aprendizaxe en Inglaterra, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Xapón e China.
O Concello ofrece 47 bolsas por un importe de 80.000 euros para os vigueses e viguesas matriculados neste centro que teñan aprobados dous cursos e que se outorgarán por criterios de cualificación e renda. Segundo o rexedor, as bolsas «funcionan excepcionalmente ben. Entrevisteime con mozas e mozos e volven encantados co procedemento» e considera «moi importante aprender idiomas», polo que o sistema se ampliará o vindeiro ano con máis axudas: «en 2016 daremos 600 bolsas».