O Concello de Vigo celebrou este venres no xardín da memoria histórica do cemiterio de Pereiró un acto institucional en homenaxe e honra dos alcaldes fusilados na madrugada do 27 de agosto de 1936: Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo, e José Antela Conde, alcalde de Lavadores.
Abel Caballero pronunciou un discurso previo á homenaxe floral, nun acto do que participaron os familiares de Martínez Garrido e de Antonio Bilbatúa, deputado socialista fusilado esa mesma noite. No ámbito institucional, participaron na homenaxe concelleiros e concelleiras vigueses dos grupos de Marea e PSOE e se ausentaron os concelleiros do grupo municipal do PP de Vigo, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, administracións invitadas ao acto oficial.
En declaracións posteriores aos medios de comunicación, Caballero recordou que o deste venres é un «acto institucional» con rango «oficial», o que «nos parece importante» pola memoria dos alcaldes, deputados, concelleiros e vigueses fusilados. «Cremos que iso é a memoria histórica», engadiu o rexedor vigués.
Con este acto, o Concello de Vigo homenaxea aos dous alcaldes e tamén aos políticos vigueses fusilados esa mesma noite. Trátase de Antonio Bilbatúa, Heraclio Botana e Ignacio Seoane, deputados socialistas; Apolinar Torres, presidente da Casa do Pobo, militante socialista e da UXT; Ubaldo Gil Santóstegui, edil socialista no Concello; e Ramón González Brunet, funcionario da Casa do Pobo e militante socialista e da UXT.
Ademais, o Concello de Vigo extende esta homanaxe a Enrique Blein Budiño, do Partido Republicano Vigués Partido Radical de Lerroux, que foi o primeiro alcalde de Vigo da II República e foi asasinado o 10 de decembro de 1936.