O citado plan, avanzado este mércores polo alcalde, establece o concurso público interno como sistema de provisión de 75 postos de altos cargos, dos que 44 corresponden a A1 e A2 e outros 31, a xefaturas de servizo. Oito xefaturas de área serán cubertas “por libre designación por concurso, publicidade e motivación”, citou Abel Caballero.
O alcalde anunciou a elaboración do plan logo de recibir unha sentencia que anula as bases e convocatoria de catro xefaturas de servizo, unha resolución que, segundo o Concello, non produce cambios a nivel práctico posto que o goberno de Vigo paralizou o proceso de designación destes postos ao ter coñecemento de que ía ser xudicializado.
Esa sentencia chegou este martes tras a demanda presentada polo grupo municipal da Marea de Vigo, que cualificou o fallo como o inicio dun cambio no modo de xestión do Concello, arrastrado desde hai máis de 30 anos e consolidado por Abel Caballero desde o ano 2007. Así, a formación sostén que “xa non hai escusa” para non sacar a concurso as case 200 prazas de A1 e A2.
Pola súa banda, a portavoz do PP de Vigo, Elena Muñoz, opinou que o ditame xudicial pon en evidencia a “ilegalidade” da política de persoal de Caballero no Concello. “Os tribunais volven dicirlle que non está a cumprir coa legalidade. A semana pasada falabamos do escándalo das oposicións de bombeiros e pedíamos transparencia e unha explicación razoable. Hoxe volvemos solicitar o mesmo con outro novo escándalo”, sinalou.