O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves a adxudicación definitiva do novo carril bici que unirá Teis e Samil. As obras comezarán nos vindeiros días e estarán finalizadas nun prazo de 12 meses.
«Estou moi satisfeito pola adxudicación das obras e quero recoñecer a implicación da Deputación de Pontevedra á hora de colaborar no financiamento da actuación», sinalou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. A construción do carril bici, cunha lonxitude de 10 quilómetros, ten un prazo de execución de 12 meses e saíu cun importe de licitación de 5,89 millóns de euros, pero finalmente foi adxudicado a Copasa por 4,2 millóns.
O carril bici arrancará na marxe esquerda da Avenida de Europa (en sentido centro) e discorre pola Avenida de Castelao ata a Praza de América, onde cruza a Camelia e Praza da Independencia. Desde alí chega á glorieta do Bicentenario, Venezuela, Pizarro e Travesía de Vigo para finalizar na parte baixa da rúa Bos Aires.
«Divídese en cinco tramos, nalgunhas partes do percorrido inclúe a humanización da beirarrúa, como por exemplo a zona próxima á Praza da América ou Venezuela», sinalou Caballero.