Abel Caballero deu conta este luns da «folla de ruta» que levaou o Concello na primeira reunión da Comisión Técnica coa Zona Franca anunciando que xa iniciou o proceso de expropiación de algunhas zonas anexas á Panificadora, tendo avanzado na adquisición dun terreo e unha casa que dá á Praza do Rei que, apuntou, «esperamos derrubar o antes posible».
En segundo lugar, o Concello convocará un concurso de ideas para elixir o proxecto de rehabilitación da Panificadora e a súa contorna, que será financiado integramente pola administración local, porque «queremos que quede clara a irreversibilidade da recuperación», sinalando que «imos a toda velocidade porque a cidade o reclama». Así, considera que debe marcarse un calendario de traballo para a recuperación do conxunto da Panificadora a partir do concurso de ideas.
Sobre o concurso de ideas, Caballero expuxo que debe desenvolverse, dende o punto de vista arquitectónico, conservando ao máximo as instalacións industriais, ofrecendo o «máximo uso social» das mesmas con espazos abertos, prazas e «zonas vivenciais» para a cidadanía e, en terceiro lugar, debe combinar a parte público-privada e a parte pública atraendo unha «idea motriz», unha institución de ámbito tecnolóxico, con presenza no mundo «que se encargue de dinamizar toda a Panificadora». Unido a isto, apuntou, no conxunto remodelado debe situarse o Centro de Investigación Gastronómica e outros centros de investigación, debe haber unha biblioteca pública e «é bo» que haxa presenza da administración con locais dalgunha institución.
Así, o rexedor declarou que na primeira xuntanza desta tarde, se instará á Comisión a que transmitan iniciativas porque o Concello «no prazo dunha semana» quere ter aprobado o prego para o concurso público directo». Sobre o proceso de rehabilitación, apuntou que require modificación urbanística, decidindo canta edificabilidade se lle quere dar á Panificadora en función do espazo, ámbito e funcións que lle atribúa o proxecto elixido no concurso e definiu como «perfectamente asumible» o custo da expropiación».