Abel Caballero informou este mércores da apertura do prazo de solicitude de cita previa para todos aqueles interesados en optar ao programa municipal de axudas extraordinarias para familias.
Desde hoxe e ata o 3 de marzo, revelou o rexedor, na web municipal e no teléfono gratuito 010 pódese pedir unha cita previa para presentarse ao coñecido como «cheque social»: un programa de axudas para vivenda, enerxía e alimentación que ascende este ano a case 1,7 millóns de euros. Explicou Caballero que estas axudas procuran apoiar ás familias con menos recursos nos seus pagos de vivenda (aluguer e hipoteca), alimentación e subministros enerxéticos (electricidade e gas). A atención comeza o próximo luns.
O orzamento da convocatoria deste ano ascende a 1.680.000 euros, aos que se engaden outros 842.000 euros que o Concello adica ao programa contra desafiuzamentos e emerxencia social do ano 2017. Deste xeito, o goberno de Vigo dispón de máis de 2,5 millóns de euros para apoiar a familias sen recursos nos seus pagos de alimentación, enerxía e vivenda.
Teleasistencia
Tamén da área de Política de Benestar, o alcalde vigués informou este mércores da prórroga, aprobada pola Xunta de Goberno Local, para a prestación un ano máis do servizo de teleasistencia domiciliaria municipal, por importe lixeiramente superior aos 76.000 euros. Abel Caballero certificou o «gran éxito» que recaba este programa municipal entre os usuarios.