O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que as bolsas de estudos no estranxeiro para o alumnado da Escola Oficial de Idiomas viguesa abre desde mañá o prazo de presentación de solicitudes, toda vez que hoxe luns foi publicada a convocatoria no BOP.
De cara ao 2017, o goberno de Vigo incrementa as vacantes e oferta 92 prazas, despois de ter duplicado o orzamento ao efecto ata os 160.000 euros, tal e como recordou Caballero. A maior parte das bolsas son para Londres (68), aínda que o Concello tamén reserva para París (10), Berlín (5), Roma (4), Lisboa (2), Tokio (2) e Pekín (1).
«Queremos que Vigo sexa a cidade do dominio de tres linguas», explicou Abel Caballero ante os medios, ao tempo que recordou que o Concello tamén dispón de 617 bolsas para que alumnado da ESO estude inglés no estranxeiro. No goberno de Vigo «damos máis becas para estudar inglés que as comunidades autónomas de Madrid e Catalunya xuntas», asegurou.