A responsable da Unidade, a doutora Rosa Mallo, explicou as vantaxes que ten o novo procedemento con respecto ás mamografías convencionais que achegaban datos en dúas dimensións. Co novo mamógrafo obtéñense múltiples imaxes milimétricas da mama. “A tomosíntesis é unha técnica diagnóstica da mama que cunha baixa dose de radiación obtén imaxes de 1 milímetro de grosor cunha distancia entre elas de 1 milímetro, aumentando a sensibilidade e especificidade do diagnóstico radiolóxico”, dixo.
“O mamógrafo, sumando todas estas imágenes milimétricas adquiridas durante o examen, obten ademáis, sen necesidade de volver a radiar a mama, unha mamografía dixital sintetizada 2D”, puntualiza a doutora Mallo.
Dous estudos no mesmo acto
Co uso desta técnica conséguense, por tanto, dous tipos de estudos sen necesidade dunha radiación adicional á paciente. De feito, a dose de radiación é igual ou menor á que se recibe nunha mamografía convencional. Incluso as molestias coa compresión da mama son menores das que se padecen nunha exploración como a que se facía ata agora.
A mamografía realizada en tres dimensións é unha técnica que fusiona dous métodos de imaxe como son a mamografía dixital en dúas dimensións e a tomografía. Diminúe a realización de proxeccións mamográficas adicionais, que radian, cando hai dúbidas nunha mamografía convencional.
Rosa Mallo explica ademais que “con esta técnica pódese ver a mama en 3D, o que supón que se existe unha lesión sospeitosa podemos saber con precisión a súa forma, localización e extensión exactas”. Esa precisión á hora de comprobar a lesión permite o diagnóstico de cancros moi pequenos e sutís, e sobre todo en estadíos máis temperáns.
Coa mamografía convencional, segundo a doutora Mallo, hai determinados cancros que permanecían ocultos á detección na mamografía en dúas dimensións, pola superposición do tecido glandular.
Menos tratamentos agresivos
“Como consecuencia, redúcense os tratamentos máis agresivos ás pacientes tanto desde o punto de vista cirúrxico como oncolóxico”, afirma Rosa Mallo. En definitiva, obtense unha maior información da imaxe, ao ver a mama en tres dimensións, e pódese planificar con moita máis precisión a cirurxía.
A Unidade de Patoloxía de Mama emprega a tomosíntesis desde o pasado 4 de decembro, en canto estivo instalado e calibrado o novo equipo tecnolóxico.
O cancro de mama continúa sendo o tumor maligno de maior incidencia e mortalidade entre as mulleres galegas. Ata a data, a mamografía resultou a técnica de elección para o cribado poboacional en mulleres de entre 50 e 69 anos é a única que demostrou unha diminución da mortalidade a longo prazo. Con todo, aínda que se trata dunha técnica moi útil, ata un 20 ou 30 por cento dos cancros de mama poden non detectarse na mamografía convencional ou 2D debido a que o texido glandular da mama se pode superpoñer e ocultar lesións.
Exemplo de multidisciplinariedade
A Unidade de Mama do Complexo vigués é un exemplo da interdisciplinaridade e da integración nun mesmo dispositivo asistencial de profesionais sanitarios de distintas categorías e especialidades. Conta cun Comité de Patoloxía de Mama, que se reúne semanalmente e que está integrado por radiólogos, cirurxiáns, xinecólogos, patólogos, oncólogos e enfermeiras, e en cada xuntanza semanal debaten cada caso de forma individual, tanto antes do tratamento (cirurxía ou radioterapia) como despois de realizado o primeiro deses tratamentos.
A Unidade realiza anualmente máis de 10.100 mamografías, 6.900 ecografías de mama e 1.000 biopsias guiadas por imaxe. A estas cifras hai que engadir 7.100 consultas médicas e 4.000 de enfermería, así como 300 intervencións cirúrxicas..
A Unidade dispón dunha “vía rápida” para casos de carcinoma de mama, que mantén unha espera de resposta media entre 4 e 5 días.