En concreto, a leira sobre a que se realiza esta actuación é a situada no número cinco da Praza do Berbés , adquirida en 2016 polo CCVV, e na que está prevista un investimento próximo ao millón de euros para crear unha dotación turística con noventa prazas, que contribuirá de maneira singular á recuperación desta zona de Vigo.
Neste sentido, a memoria xustificativa do outorgamento deste dereito de superficie explican a importancia desta actuación porque permite a rehabilitación arquitectónica dun inmoble catalogado, diversifica usos incorporando á zona vella unha actividade de servizos non existente na actualidade e diversifica a actividade da zona no aspecto temporal xa que se desmarca dos horarios en que se desenvolve a actividade hostaleira, maioritaria na zona vella da cidade.
Ademais, o CCVV considera que esta actuación achega un movemento de persoas ao centro da zona vella en horario diúrno que propicia o desenvolvemento doutras actividades e resulta absolutamente compatible co uso residencial.
A concesión administrativa realízase por un período de 40 anos, prorrogable, e condicionada á realización das obras necesarias para o acondicionamento da leira cedida nun prazo de tres anos.
O inmoble
A propiedade na que se construirá este albergue de peregrinos é unha casa de planta baixa e piso principal, cun pequeno patio no seu parte posterior na que se edificou unha vivenda, con saída á rúa Peñasco, comunicada coa anterior, formando unha única leira de 258 metros cadrados.
Tivo usos hosteleiros e na actualidade atópase en estado ruinoso. Moi próxima á mesma estase realizando tamén outra das maiores intervencións de recuperación da fachada marítima da cidade: a construción da nova sede institucional da Universidade de Vigo, un proxecto xa en marcha e que tamén se realiza sobre edificios adquiridos no seu día polo CCVV, cedidos agora á institución educativa.
Elduayen 31
Por outra parte, o Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) aprobou a adquisición do solar situado na rúa Elduayen 31. No mesmo existía con anterioridade unha vivenda de planta baixa e dous pisos que foi demolida polos anteriores propietarios e que agora será rehabilitada para crear na mesma vivendas de protección autonómica, de acordo cos obxectivos fundacionais deste organismo.
O solar ten unha superficie de 231 metros cadrados, dos que 125 corresponderían á superficie edificada e o resto a terreo anexo. Ten tamén saída á rúa Ferrería. Conta con licenza de rehabilitación pero ata o momento tan só realizouse a demolición da vivenda preexistente e parte da cimentación.