A veciñanza quéixase de que a construción da autopista xa supuxo tronzar o barrio e que agora o feche dos pasos elevados suporá incomunicalos e illalos, provocando que teñan que dar grandes rodeos para acceder ás vivendas.
Pérez Igrexas trasladoulle ás veciñas e veciños o seu apoio na reivindicación de que o Concello manteña estes pasos que levan funcionando máis de 35 anos e que “co seu peche o único que farían e sumir á veciñanza nunha absoluta incomunicación”, dixo.
Nese sentido, demanda que de maneira urxente o Goberno local reciba aos afectados e abra unha interlocución directa con Fomento para procurar solucións. “Se o actual deseño e estado das pasarelas non permite, segundo o Ministerio, o tránsito de vehículos, haberá que adecualas e reformalas para permitir o paso de coches”, esgrime.
O candidato lamentou ademais que o concelleiro socialista Carlos López Font, insinuara que opoñerse á medida supoñía non dar prioridade á seguridade. “Acaso está afirmando que nos últimos 35 anos o Concello de Vigo non garantía a seguridade destas pasarelas?”, inquiriu Igrexas.
Solucións
O candidato nacionalista coincide en que “sempre e por encima de todo” debe primar a seguridade, mais critica que o Goberno municipal se teña limitado a “asumir en automático unha decisión do Ministerio de Fomento en lugar de buscar solucións”.
“Temos que lamentar que a única resposta que se dá por parte do goberno local é puramente burocrática. Fomento e Demarcación de Estradas determinan agora, despois de máis tres décadas funcionando, que estes pasos non son aptos para tránsito de vehículos e o Concello asume este cambio sen máis deixando ós veciños e ás veciñas nunha total situación de desamparo”, declara Igrexas.
Versión do Concello
Pola súa banda, López Font declarou a mediodía que Fomento di “claramente” que esas pasarelas son peonís e que o Goberno local “vai cumprir a legalidade”. “Se algúns se opoñen, quen asume eses riscos de seguridade?”, preguntou.
O concelleiro explicou que as pasarelas sufriron un “deterioro” e que Fomento requiriu que se deixe de permitir o tránsito de vehículos por elas.