«Após recibir informacións a respeito da contratación polo Concello de Vigo, a través dun procedemento negociado sen publicidade, da empresa Ambulancias Coexam SL para atender o servizo de ambulancias e sanitarios da campaña de nadal 2019-2020, así llelo trasladou o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, a través dun escrito dirixido á concelleira delegada de Seguridade», sinala o Bloque nun comunicado
O concelleiro Xabier Igrexas fai referencia no seu escrito, presentado por rexistro municipal e que tamén remitiu por correo electrónico á propia concelleira Elena Espinosa, ás denuncias presentadas polo sindicato CIG por feitos graves como que Coexam «faga uso de vehículos non habilitados para a asistencia sanitaria de persoas en situación de emerxencia e que as súas ambulancias non están dotadas co persoal cualificado necesario».
Denuncia o Bloque que esta situación xa é coñecida polo Concello desde o pasado mes de xullo «sen que se coñeza que se adoptase ningunha medida e despois de que Espinosa se negase a recibir os responsábeis da CIG».
Por outra parte, o concelleiro nacionalista advirte tamén de que a empresa podería ter incorrido nunha posíbel baixa temeraria na súa oferta económica para facerse co contrato, xa que o importe presentado non sería suficiente para satisfacer os gastos derivados dunha correcta prestación do servizo.
«Falamos do servizo de ambulancias e da atención sanitaria de emerxencia precisamente diante de actividades que se prevén cunha grande afluencia», enfatiza Igrexas. O portavoz nacionalista chama ao Goberno municipal a «actuar con responsabilidade». No concreto, demanda que «con carácter inmediato e urxente proceda a dar as indicacións necesarias ao servizo de Seguridade e á Policía Local para realizar as inspeccións precisas» que aseguren que a prestación do servizo de ambulancias e sanitarios durante toda a campaña do nadal 2019-2020 se realiza con estrito cumprimento das condicións contratuais e da normativa de aplicación, singularmente no que ten a ver coa homologación dos vehículos de emerxencia e coa súa dotación de persoal.
A fronte nacionalista tamén solicita que se lle dea acceso ao expediente completo da contratación do servizo, para coñecer os pormenores desa adxudicación.