Este novo centro de Educación Preescolar conta con 61 prazas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Trátase dun servizo ao que pode acceder o público xeral, tendo preferencia os fillos dos traballadores do Servizo Galego de Saúde no hospital. O seu horario inicial será de 07:30 a 16:00 horas de luns a venres os días laborais. En función da demanda estudaríase ampliar a xornada ata as 19:00 horas.
O período para solicitar praza estará aberto desde o próximo luns día 23 de abril ata o 16 de maio. Poderá realizarse a preinscrición nas oficinas sitas na planta 0 Vela F do hospital, de luns a xoves de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, e os venres en xornada de mañá. Pódese consultar máis información no teléfono 677 457 636.
A posta en marcha deste novo servizo non asistencial vincúlanse á segunda liña de acción prioritaria do Plan Estratéxico da EOXI de Vigo, que leva por título “Coidado, Desenvolvemento e Recoñecemento dos e das profesionais”.
Entrada independente
Merlín, xestionada pola Escola Infantil Papaventos está emprazada na planta 0, Vela A, e conta cunha entrada específica e independente do hospital.
Dispón dunha superficie de 283 metros cadrados, ademais dun patio de xogos exterior. Estas instalacións contan con catro Aulas con seguintes niveis educativos: unha aula de 0-1 anos con capacidade para 8 bebés; unha aula de 1-2 anos para 13 nenos e nenas; e dous aulas de 2-3 anos con capacidade para 20 pequenos cada unha delas.
Completan este dispositivo unha sala polivalente, catro aseos, espazo específico para carros e recepción. Entre as súas prestacións, oferta tamén servizo de comedor.
En canto ao equipo docente fixo, está integrado por un Mestre de Infantil e catro Técnicos Superiores de Educación Infantil.
Criterios de admisión
No caso de resultar máis solicitudes que prazas, a administración ten fixados os seguintes criterios de admisión: en primeiro lugar, terán preferencia os fillos e fillas dos traballadores do Sergas destinados no Hospital Álvaro Cunqueiro; a continuación os do Sergas do resto dos centros da EOXI de Vigo; logo o resto de persoal que traballa nas instalacións do Álvaro Cunqueiro e, finalmente, o público xeral.
O proxecto educativo que ofrecerá Merlín foi previamente aprobado pola administración, e inclúe, entre outros aspectos, un traballo educativo desenvolvido mediante criterios de integración que permitan admitir e atender nenos con discapacidades físicas, psíquicas e/ou sensoriais.