A xuntanza terá lugar o vindeiro martes ás 10.30 horas na Delegación Territorial da Xunta, e á mesma están convocados os alcaldes dos 13 concellos que forman parte da Área de Transporte: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior, ademais de Vigo.
Entre os obxectivos do encontro está o de facer balance sobre o funcionamento deste plan social de transporte público posto en marcha pola Xunta de Galicia e 12 concellos en abril do ano 2015.
Xunto con isto, o asunto principal que se abordará na reunión é o proceso de incorporación do autobús urbano ao Plan de transporte metropolitano, tendo en conta que o Concello de Vigo e o Goberno galego asinaron un convenio con ese fin o pasado mes de xullo e esa integración non se fixo efectiva ata o momento.
A Xunta explica que «logo de que o alcalde da cidade, Abel Caballero, manifestara publicamente a súa conformidade coa aplicación práctica do convenio, o Goberno galego trasladará na xuntanza que o proceso está pendente de que o Concello de Vigo e a empresa concesionaria do seu transporte urbano remitan á Xunta os dispositivos de cobro homologados para o funcionamento da tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia no autobús urbano e proceder a súa validación».