O rexedor, Abel Caballero, avanzou este venres que vén de encargar o proxecto dunha nova praza con zona verde para a cidadanía na confluencia das rúas Sanjurjo Badía e Santander, onde quere transformar unha zona «dura de aparcamento» nunha nova praza cidadá para Teis, seguindo coa política de humanizacións iniciada na cidade cos seu goberno.
O alcalde achegouse á rúa Sanjurjo Badía para coñecer as actuacións efectuadas en materia de tráfico e seguridade viaria para facela «máis porosa» logo das obras de humanización. Así, nunha vía na que había dous semáforos ata o de agora, veñen de instalarse 6 novos cos que o Concello quere mellorar o tránsito de peóns e a intensidade circulatoria dos vehículos.
Esta é unha acción que se estende a toda a cidade, segundo explicou Caballero, porque está cambiando a maneira de configurala xa que antes do seu goberno «Vigo estaba feito para automobilistas e non peóns, para que non se fose a pé senón no coche». Así, estes novos semáforos están centralizados e contan con tecnoloxía 3D que permite controlalos desde a Sala de Pantallas, ampliando ou reducindo o seu ciclo en función das necesidades do tráfico.
Ademais, o rexedor mencionou as importantes melloras da rede semafórica realizadas na cidade dende o ano 2011 con máis de 80 novos equipamentos de diferente tipo: 21 semáforos, 34 accesos peonís semaforizados, 9 cámaras de control de tráfico novas, chegando a 38 en total, 160 ópticas verdes con sinal acústica para peóns invidentes con activación bluetooh ou mando a distancia, 122 sensores bluetooth para medir tempos de percorrido, 7 paneis de mensaxes variables para condutores ou un sistema de recoñecemento de matrículas. En definitiva, resumiu, un «sistema de cidade intelixente que nos permite mobilizar o tráfico na dirección que queiramos para darlle maior fluidez», unha acción que seguirá adiante.