O alcalde de Vigo avanzou este xoves que o goberno que dirixe comezará a próxima semana obras por valor de 4,5 millóns de euros.
Abel Caballero informou do inicio dos traballos de humanización da rúa Canceleiro, entre as rúas Rosalía de Castro e García Barbón. Neste mesmo entorno, como informara onte o rexedor, o goberno de Vigo vén de aprobar o proxecto para humanizar as rúas Roupeiro, Heraclio Botana e Serafín Avendaño.
Tamén a próxima semana comeza a segunda fase da humanización de Marqués de Valterra «por fin», saudou o alcalde, despois de que «as catas arqueolóxicas nos retrasaran ano e medio». Esta actuación contempla un ascensor acristalado de conexión con Torrecedeira, á altura de Instituto Oceanográfico, un segundo elevador que se suma ao que o Concello prevé dispor á altura de Juan Ramón Jiménez.
A terceira reforma que arrancará a vindeira semana é a reforma do parque Camilo José Cela, entre Torrecedeira e Pi y Margall, onde se construirá outro elevador na mesma perpendicular do anunciado entre Marqués de Valterra e Torrecedeira e do xa operativo entre Pi y Margall e Camelias. «Cando esto conclúa, a comezos do ano 2019, poderemos ir desde Beiramar ata Camelias en dous minutos, en tres saltos de ascensor», puxo en valor o alcalde. Este proxecto forma parte do Vigo Vertical, cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea.
Por último, o goberno de Vigo empezará a próxima semana cos traballos para cubrir os patios dos colexios Virxe do Rocío e Carballal, por importe total algo superior aos 610.000 euros. Abel Caballero recordou que o Concello acometerá a mesma mellora no colexio Canicouva -pendente do visto bo de Patrimonio- e que as contas municipais deste ano inclúen unha partida de case medio millón de euros para novas cubricións de patios de colexios, unha competencia e responsabilidade da Xunta de Galicia, segundo denunciou.
Santa Irene
O alcalde informou ademais que «estamos procedendo á recuperación e reparación da valga do Instituto Santa Irene, un edificio emblemático en Vigo» cun peche perimetral de décadas de antigüidade. Pese a corresponderlle á Xunta de Galicia, ao tratarse dun instituto de Secundaria, «non estamos dispostos a permitir que se estea deteriorando aquel entorno», aseverou Caballero, polo que o Concello acometerá a reforma.