O departamento autonómico iniciou a incoación de dez expedientes o pasado 28 de agosto, tras as denuncias formuladas polo servizo de gardaría do Parque Nacional das Illas Atlánticas ao detectar excesos a través dos sistemas de control.
A partir desa data, as empresas denunciadas dispoñían dun prazo de 15 días para presentar alegacións á proposta de inicio de sanción emitida pola Xunta. Unha vez recibidas as mesmas, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural procedeu a resolver a proposta de sanción por un importe de 930.000 euros.
Os criterios que a Consellería de Medio Ambiente sopesou para determinar o importe das multas ás navieiras foron os seguintes: o potencial dano aos valores medio ambientais, a porcentaxe de pasaxeiros non autorizados, así como o volume total dos mesmos, a reincidencia e o beneficio ilícito, tal como establece a Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
En función do grao de incumprimento en base aos criterios anteriormente citados determinouse a sanción a cada unha das navieiras denunciadas, que, nos casos máis graves como Mar de Ons se traduciu nun exceso de máis dun 300% sobre o número de pasaxeiros autorizados os días 5 e 19 de agosto; mentres que na navieira Illa de Ons se superou nun 288% o número de billetes autorizados día 5 de agosto.
Concretamente, a proposta de sanción para Mar de Ons ascende a 600.000 euros, para a empresa Illa de Ons é de 250.000 euros, para a firma Tour Rías Baixas elévase a 40.000 euros e para a sociedade Cruceiro Rías Baixas sitúase en 40.000 euros.
Os incumprimentos denunciados refírense á superación da carga máxima diaria de visitantes no Arquipélago de Cíes (2.000 en transporte regular, máis 200 en visitas organizadas e 800 prazas máximo no camping).
Durante o procedemento comprobouse e constatouse que o sistema de central de reservas funcionou con total normalidade, tal e como demostra o certificado de actividade emitido pola Amtega; polo que en ningún caso fallou o sistema de compra de billetes, cuestión que alegan as empresas.
Dada a “gravidade” dos feitos, a Xunta interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía por se estas actuacións foran, ademais de obxecto de sanción, constitutivas de infracción penal por falsificación de documentos e estafa á cidadanía.