«A día de hoxe, mesmo na nosa cidade seguimos atopándonos con este tipo de simboloxía, como é o caso do escudo que encabeza a fachada do Instituto Público de Educación Secundaria Santa Irene», explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, «sobre o que pedimos explicitamente a súa eliminación, así como o estudo de toda a simboloxía franquista existente na nosa cidade, cara a súa futura supresión», remata Jácome.
Marea de Vigo sinala que «hai escasos 3 anos, esta cidade viviu unha situación esperpéntica cando Abel Caballero, un alcalde que se di socialista, negábase, a base de recursos xudiciais e grotescas declaracións en canles de TV a nivel do Estado a derrubar un destes símbolos, como o que é a Cruz do Castro, feita para a banagloria do réxime».
Esta situación, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, non se pode volver a dar, por unha «cuestión de hixiene democrática, situación ademais a todas luces motivada no seu día polas ansias de «repañar» un puñado de votos da dereita por parte de Abel Caballero, nomeado socialista».