Despois da gravidade do problema de colapso que existe nas urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e concretamente o que ocorreu a pasada fin de semana cunha entrada de 474 pacientes, a Marea de Vigo sinalou este mércores que «é moi curioso que o SERGAS declare que o 49% dos pacientes triados foron de patoloxía banal e non revestían gravidade”.
«Sendo posible que isto sexa certo, a utilización deste argumento da a entender que estes pacientes podían ser atendidos perfectamente no seu centro saúde correspondente sen a necesidade de acudir ao Servizo de Urxencias do hospital», afirma Marga L. Barreiro, concelleira do GM da Marea de Vigo.
A concelleira sinala que “preguntaríalle aos altos cargos do Sergas se en serio cren que unha persoa doente acode ao servizo de urxencias hospitalario se o seu centro de saúde funciona con normalidade. Nesta época do ano moitos casos dos que acoden a urxencias, sobre todo a xente maior, son por procesos gripais que se solucionarían no centro de saúde, pero sucede que cando estas persoas piden cita para o centro de saúde correspondente, obteñen a cita para dentro de tres, catro ou cinco días co cal a persoa doente considera que non pode esperar ese tempo, pois seguramente está pasando un proceso febril ou similar e decide que debe acudir a urxencias”.
«É necesario ter en conta que quen decide a urxencia da doenza que se padece, en primeiro termo, é o doente ou a doente. Polo que a argumentación do SERGAS para tentar botarlle a culpa aos pacientes non é xusto nin axustado a realidade. No Servizo de Saúde debe haber as instalacións precisas dotadas de recursos humanos suficientes para atender a todas as persoas con casos urxentes ou non de enfermidade ou accidentes. Nese caso, a situación das urxencias do hospital melloraría», engade.
Marga L. Barreriro apunta que desde o Servizo Galego de Saúde tamén se di que habería colapso se non houbese máis camas e responde que «é evidente que hai máis camas, de feito, no Hospital Meixoeiro hai unha morea de camas, e en moitas plantas, cheas de camas baleiras. O que si que se precisa é que se dote de máis persoal aos servizos para poder así absorber toda a demanda que se está xerando, e se deixen de dar argumentos que mais que argumentos son excusas que non sirven a ninguén que teña a desgraza de verse nesta situación nin a quen teña un mínimo de contacto coa sanidade, e que, de feito, non solucionan o problema en absoluto”.