«O cadro de persoal e diversos colectivos veciñais, veñen, dende o inicio da concesión, denunciando tanto o estado das zonas axardinadas, como os incumprimentos en materia laboral, pero en lugar de actuar, o Goberno Municipal, mesmo actualizou prezos da concesión cunha modificación de crédito aprobada fai meses», afirman desde a Marea de Vigo.
Tamén o grupo municipal considera «moi interesantes, tal e como xa expresou noutras ocasións, as iniciativas que Concellos como o de Zaragoza lanzaron fai anos, como a da creación dun observatorio da contratación pública», que audita tanto os cumprimentos dos pregos das concesionarias de servizos públicos como a calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que formalicen.
Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, afirmou que «tanto a operación Patos, coma os informes do tribunal de contas dubidando dos procedementos de adxudicación de obras do Plan E e mesmo as recentes denuncias sobre contratación formuladas por colectivos ou mesmo grupos municipais, xa fan imprescindible dotarse de organismos transparentes que auditen a contratación no Concello de Vigo visto que hai unha desidia interesada ou mesmo provocada polo propio Goberno Local”.
«É notorio que coa negativa a reunir á Comisión de Vixilancia da Contratación, ou mesmo a negativa a creación da comisión especial de investigación que solicitou Marea de Vigo non existe nin control nin vontade de facer un seguimento exhaustivo sobre a calidade do traballo que xeran as contratas, sobre as contratacións nas mesmas, sobre contratos menores, sobre inversións, etc…», indicou Rubén Pérez.
Marea de Vigo propón a posta en funcionamento deste observatorio, onde participarían os grupos municipais, as seccións sindicais do concello, os comités de empresa das grandes concesionarias públicas e o tecido veciñal e asociacións de consumidores e usuarios.
«Serviría para ter un organismo plural e apartidario de seguimento do grado de cumprimento dos pregos de concesión, algo practicamente inexistente na actualidade na nosa cidade e deixado ao arbitrio do concelleiro da área correspondente. Do mesmo xeito que propoñemos que se apliquen as sancións correspondentes ás concesionarias que incumpran os pregos, ó marxe das detraccións nas facturas, que é o único que fixo este goberno municipal neste caso coa concesionaria de parques e xardíns», conclúe.