Por iso, pediu a apertura dunha comisión para o seguimento deses traballos de redacción, onde se debata politicamente o modelo de cidade. Segundo expresou o voceiro da formación, Rubén Pérez, “xa non falamos de revisións ou de medidas improvisadas senón que, por fin, dous anos despois da anulación do PXOM do 2008, comeza o traballo no concreto.”
“Un plan xeral de ordenación municipal non é unha decisión técnica, senón que detrás hai unha serie de decisións políticas, é por isto que desde a Marea de Vigo pedimos que se convoque unha comisión de planeamento. Existe o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, mais ese non é o espazo onde falar politicamente de urbanismo, do modelo de cidade que queremos entre todas e todos. No ano 2008 decidiuse un modelo expansivo de cidade, baixo unhas premisas demográficas que non se cumpriron, premisas feitas baixo uns criterios políticos”, explica Pérez.
Marea de Vigo advirte ademais que, cos calendarios cos que se traballa para o novo PXOM, o horizonte é de catro anos como mínimo, por riba do que comprometeu a concelleira de Urbanismo, María José Caride. Estes tempos, segundo a Marea de Vigo, resultarían “lesivos” para os intereses sociais e económicos da cidade.
Procedementos
“Hai que volver a recuperar unha parte importante da elaboración dun Plan Xeral, como é o traballo previo á redacción da memoria e a presentación documental do mesmo, baseado no diálogo que hai que abrir con todos os sectores económicos e sociais da cidade, facendo un mapa demográfico, económico, sociolóxico, onde se teñan en conta todos os factores e necesidades de Vigo”, engade Pérez.
Marea tamén considera que o período de exposición pública, segundo os tempos que marca a Xunta para a elaboración do plan, é excesivamente escaso, tendo a veciñanza “apenas dous meses” para poder facer as alegacións que consideren, polo que a formación política pide tamén un deseño de participación cidadá que permita á veciñanza poder contar co tempo e a facilidade necesaria.