A formación considera “grave” que non se obrigue á firma a abonar cartos por ocupar dominio público e menciona a lei 13/2010 do comercio interior de Galicia, o Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo e mais a ordenanza fiscal reguladora das taxas como normativas que forzan a ese pago. “Esta exención ilegal das taxas converte á adxudicación nun negocio redondo en prexuízo das arcas públicas”, advirten.
Neste senso, o partido lembra que os comerciantes que abriron unha caseta nese mercado si desembolsan á empresa unha importante cantidade de cartos –entre 6.000 e 10.000 euros máis IVE- por desenvolver a súa actividade a conta e risco. Ademais, argumenta que a concesión directa para usar a Alameda impide a outras posibles compañías interesadas postularse para explotar ese punto da cidade.
“Por que non puideron participar e organizar o mercado asociacións ou empresas viguesas? Por que necesariamente tiña que ser esta? Son preguntas que a Marea de Vigo quere que se clarifiquen. Non estamos falando dun mercado de Nadal organizado por comerciantes dunha rúa ou unha AAVV senón por unha sociedade mercantil”, expoñen.
Marea de Vigo tamén sementa dúbidas sobre a entrega do permiso para ocupar a Alameda. “No seu día, antes da celebración das eleccións locais, autorizouse á unha entidade mercantil interesada en instalar nunha zona pública un mercado tradicional de Nadal, un parque infantil e unha noria na Praza de Compostela. A propia decisión de autorizar a unha sociedade, Agrupación de Empresarios en la Organización de Eventos, Ferias y Mercados de la Comunidad de Madrid, e non abrir un concurso público é para Marea de Vigo absolutamente irregular cando se está ocupando un espazo público cobrando taxas e tendo actividade lucrativa”, inciden.
Pero o “extremadamente grave” para a formación política é que, coa licenza concedida, “se lle permitiu á esa mercantil, sen tramitar ningún procedemento de concorrencia pública e sen mediar ningunha contra-prestación para as arcas públicas ocupar unha das entornas urbanas mais céntricas e apetecibles da cidade para facer un suculento negocio, pero sen lle dar a mínima oportunidade de acceso a outros empresarios do sector”.
Ademais, Marea de Vigo ten a “certeza” de que a adxudicación desa autorización foi levada a cabo sen tramitarse “ningún procedemento competitivo”, o que “resultaba obrigado” por se tratar dun mercado con postos comerciais de venda de distintos produtos ao público, e “onde calquera empresario dos sectores do espectáculo e da hostalería, xa fose desta cidade ou do noso país, estaría desexoso de participar dado o suculento negocio que supón esa adxudicación”.
Outro asunto que denuncian é que agora o Concello pretende “de xeito trapalleiro disfrazar todo revocando as licencias anteriores e facendo unha tentativa de informe que autorice de novo baixo un suposto réxime de concorrencia pero o certo é que o empresario beneficiado xa montou todas as instalacións, resulta evidente que de intentarse agora darlle aparencia de legalidade á mesma”.