O concelleiro Xosé Lois Jácome incidiu este mércores en que «plantexar os mesmos criterios que se aplicaron para a redacción do PXOM do 2008 está fóra da realidade social, económica e de crecemento da cidade, existindo nova lexislación que xa fai inviable o plantexamento anterior, así como o feito de fundamentalo nunha suposta necesidade de 113.000 novas vivendas, premisa a todas luces baseada na burbulla inmobiliaria».
A Marea de Vigo asegura que seguirá visitando aos barrios e parroquias para explicarlle á veciñanza o seu modelo de cidade, «o mesmo co que xa concorremos ás eleccións municipais no 2015 e sobre o que baseamos todas as nosas propostas en materia de urbanismo dende entón ata o de agora».
Pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, quixo matizar o feito da anulación do 2008, en canto a que «é preciso ter claro que o documento sobre o que se redactará o novo Plan Xeral é o do 1993, moita xente ten como referencia o plan anulado do 2008 por estar máis cerca no tempo, polo que se fai necesario dotar de ferramentas de consulta áxiles e accesibles para a veciñanza».
Do mesmo xeito, Rubén Pérez incidiu na importancia de abordar certas cuestións relacionadas co novo PXOM que poidan resultar comprometidos: «Hai que expresarse claramente sobre fichas como a de Liñeiriños, sobre a que estamos radicalmente en contra, ou, por exemplo, se se quere seguir incorporando ao novo Plan todos eses Peris que levan secuestrado o urbanismo vigués dende os anos 90».
Con respecto á modificación do proxecto de Gran Vía, Marea de Vigo considera que «o máis importante é ser rigorosos na modificación do proxecto, que debe ser acorde cos criterios que marca a UE no outorgamento de fondos como os EDUSI, xa que perder 15 millóns de euros por non ser rigorosos e por ter présas para desenvolver o proxecto é unha gran irresponsabilidade».