O grupo municipal da Marea de Vigo considera que, aforrando a metade dos cartos que estaban destinados para alumeado de Nadal, e sendo conscientes da imposibilidade de movelo dentro das partidas orzamentarias, eses cartos poden adicarse a actividades ou ferramentas de promoción do pequeno comercio local, mais aló de utilizalos única e exclusivamente á ornamentación das rúas.
Nun comunicado a Marea aplaude o aforro económico pero tamén quere saber que se vai facer dos outros 200.000 euros orzamentados nos propios orzamentos municipais, e espera que isto non supoña un fraccionamento de contrato, sendo o mesmo custe, pero vulnerando os procedementos públicos establecidos.
«Hai aproximadamente un mes, a Mesa de Contratación deixou deserto o concurso de alumeado de Nadal, por, un erro no prezo do único licitante. No día de hoxe vense de aprobar en Xunta de Goberno Local un novo concurso público, na modalidade de urxente, indicando no propio expediente que a única modalidade posible era esta vía, por unha cuestión de prazos», afirman dende o grupo municipal.
A Marea, despois de consultalo xurídicamente, afirma ter constancia de que «isto non é exactamente así» e mostra «unha grande preocupación sobre o novo concurso aprobado e o que resulte do mesmo, case podendo xa adiviñar o resultado».
Para o grupo resulta «dunha enxeñería financeira/administrativa e técnica de gran precisión o feito de que, casualmente, despois de analizar o “estudo das necesidades concretas vinculadas á programación das diversas actuacións desenvoltas polo concello neste ámbito…” resulte que estas necesidades coincidan xusto 100 euros por debaixo do que obriga a a cumprir coa regulación harmonizada da Unión Europea con todo o que elo implica (controis e publicacións) sobre todo, tratándose dunha cantidade total de máis de 200.000».
A Marea apunta que a composición deste novo concurso e o seu encadre económico, nesta ocasión non so mobilizou a unha área do Concello, Comercio, senón que tamén nesta ocasión participou a área de Fomento.