A Marea de Vigo reclamou que a redacción deste documento “inhabilite” os plans da empresa Intu-Eurofund, unha decisión que cualifican de “política e non técnica”. “É obvia a imposibilidade do encaixe de Porto Cabral na Ordenación Provisional mais o verdadeiro problema o imos ter no borrador do PXOM actualmente en redacción, xa que ten unha orientación evidente a rescatar todo o ‘rescatable’ do planeamento anterior anulado por sentenza xudicial”, declara Rubén Pérez.
Marea de Vigo descoñece a día de hoxe a documentación do novo PXOM a pesar de ser reiteradamente demandada polos grupos municipais da oposición, tendo como único o documento de metodoloxía xeral e diagnóstico socioeconómico presentados en decembro de 2018, no que xa se deixaba claro que non se quería emendar a lectura socioeconómica expansionista da cidade na que se baseaba o documento anulado.
Pola súa banda, a fronte nacionalista apostou por crear en Cotogrande unha grande “reserva forestal” para protexer os montes como “pulmón verde” da cidade. “É evidente o despropósito desa solicitude por parte de quen non tiña ningunha titularidade nin dereito sobre os terreos afectados e para un proxecto que, tal e como viña xa recollido no anulado PXOM do 2008, só podería ser un proxecto de promoción e iniciativa pública”, razoou o portavoz da formación, Xabier Pérez Igrexas.
Así, Igrexas instou o Goberno municipal a “dar un paso máis” para lograr “que esa negativa se faga firme e definitiva”. Para as nacionalistas non abonda coa “negativa administrativa” polo que urxen unha “posición política”. “O que lle reclamamos ao PSOE é que sexa coherente, e que coa mesma vehemencia que di non ao ‘pelotazo’ da cidade deportiva do Celta de Mos, faga que no novo PXOM non sexa posible proxectos especulativos en monte comunal. En resumo que lle diga un non definitivo a Porto Cabral”, remachou Igrexas.