A formación o pon como exemplo os 13.000 euros consignados a campañas contra a violencia de xénero, dos que nos 10 primeiros meses do ano “non se ten gastado nin un euro dunha partida que xa é evidentemente escasa”.
Ademais, soamente se executaron 32.000 euros do plan de inserción laboral que, cunha dotación de 125.000 euros pretende axudar a mulleres vítimas da violencia de xénero ou os escasos 70.000 dos máis de 155.000 euros consignados ao plan municipal de igualdade de oportunidades.
López Barreiro recalca que “incluso hai partidas sen tocar, como os programas de igualdade (10.000 euros) e non existen, analogamente aos incrementos en partidas de servizos sociais, incremento de instrumentos orzamentarios e técnicos especializados en loita contra a violencia machista”.
“Ver a un alcalde pasearse na mobilización do 25-N e ter esta execución orzamentaria ridícula a dous meses de rematar o ano 2018 é un insulto ao movemento feminista”, criticou a concelleira Marga López Barreiro.
Para a Marea de Vigo, é xa “un feito e unha característica do goberno do PSOE a baixa execución orzamentaria, da que non escapa ningunha área de goberno”. Na liquidación que vai ao Pleno Municipal este próximo 28 de novembro hai, segundo din, unha “preocupante” falta de execución de partidas en materia de igualdade, loita contra a violencia machista e inserción laboral das vítimas.
“É unha evidencia a falta de compromiso real do alcalde socialista, e esa falta de compromiso vai acorde coa incoherencia que amosa non sendo capaz de evitar ser o protagonista incluso nunha actividade organizada e programada polo movemento feminista. Moitos cargos públicos e institucionais seguen sen entender a natureza destas mobilizacións e sobre todo o significado e motivación das mulleres cando nos organizamos para loitar, neste caso, contra a violencia machista. Mentres iso non mude, e mentres non haxa un compromiso real que non pode ser doutro xeito que aplicando as políticas necesarias e dotándoas orzamentariamente, desde a coherencia coa loita contra a violencia machista, todo seguirá igual e limitarémonos a campañas baleiras e inútiles para as mulleres”, conclúe a concelleira da Marea de Vigo.